Naceu na Coruña en 1968. é doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa pola UDC, onde exerce na actualidade como docente. Tense dedicado á interpretación, á crítica de espectáculos e á investigación do campo teatral galego. Responsábel pola edición do teatro recuperado de Leandro Carré (2011), é autor de artigos á volta da actividade dramática das Irmandades, do movimento refundacional do noso teatro, dos intérpretes galegos no exilio americano ou das relacións da nosa dramaturxia coas literaturas de expresión portuguesa. Alén diso, publicou as monografías Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego (2008), A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral (2007), Conformando o brinquedo. Reflexións á volta da preparación do actor (2004), Ideario teatral das Irmandades da Fala (2002) e Talía na Crónica de Nós. Dez anos de teatro galego: 1990-1999 (2000). Desde 2007 integra o xuri do Premio de Interpretación «Maruxa Villanueva», do Concello de Padrón. Presentemente dirixe a serie Literatura Dramática Galega da Biblioteca-Arquivo «Francisco Pillado Mayor», da Universidade da Coruña, e é membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Filoloxía.