Suso Lista Neira (Corme, 1962) pasou a súa infancia entre Corme e a Universidade Laboral de Cheste (Valencia).
Con 16 anos embarcou como mariño mercante e percorreu toda Europa e o Norte de África. Aos 25 anos deixou a maleta de navegante atlántico para se instalar definitivamente en Corme e traballar como percebeiro, actividade que combina coa participación como actor secundario en mais de 40 capítulos da serie Mareas Vivas, tamén en películas para televisión como A rosa de Alexandría, Chapapote…o no ou A mariñeira de Quilmas, e foi protagonista de máis de 50 curtametraxes rodadas en Galicia e León. Foi guionista de curtas como A crise da pesca ou Matreros de medianoite, sendo tamén actor e guionista do documental Ida e volta, preseleccionado para os Premios Mestre Mateo 2007.
Ten un programa semanal na Radio Libre da Costa da Morte Radio Roncudo, chamado O Embigho do Fin do Mundo.
Gañou o Premio da Audiencia do VII Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega no 2013, por O demo nunca dorme.