Naceu en Ferrol xusto 76 anos despois do seu admirado James Joyce. Como el, fixo os seus primeiros estudos nun colexio relixioso, onde aprendeu algo de gramática e curiosas historias de santos, martiroloxios e conversións que incitaron a súa curiosidade polo intrincado mundo da metafísica e o poder. Os seus estudos posteriores no Instituto de Ferrol, Facultade de Xeografía e Historia de Santiago, e Facultade de Dereito da UNED, acabaron de convencelo de que o saber, sobre todo o oficial, é moito menos consistente do que aparenta. Realizou diversos traballos editoriais, así como de colaborador e corresponsal para varios diarios, e dirixiu algunhas efémeras publicacións culturais. é autor da novela Hóspedes do medo e do libro de poesía Regreso a ningures.